Avanzan as obras de mellora do hábitat dos teixadais cantábricos en Burgos

A provincia de Burgos, polas súas condicións biofísicas, bioxeográficas e ecolóxicas, presenta un gran potencial para o hábitat do teixo (HIC 9580 *) e unha proba diso é a grande abundancia de teixadais fóra e dentro das Zonas de Especial Conservación (ZEC).


A matriz que sustenta estes teixadais é moi ampla, desenvolvéndose sobre faiais, carballeiras, piñeirais albares e resineiros, reboleiras, aciñeirais, etc. Todos eles enriquecidos cun variado elenco de especies que participan de diferentes litoloxías e con influencias climáticas que van dende os réximes máis atlánticos aos submediterráneos que achega o canón do Ebro.

O grupo de teixadais encravado no extremo nordés da provincia preséntase sobre relevos suavizados a unha altitude significativamente menor ao resto de teixadais cantábricos de Castilla y León (dende os 676 ata os 439 m.s.n.m.). Nesta zona, en concreto na ZEC " Bosques del Valle de Mena " (ES4120049), caracterizáronse no marco do proxecto LIFE BACCATA, tres rodais. Dentro destes teixadais decidiuse intervir na rodal denominada "Sarón", no pobo de Arceo.

O teixadal de Sarón se atopa baixo un dosel de faia moi denso, sendo o estrato inferior a masa de teixo. A espesura do faial fixo que en varias zonas o teixo chegue a afogarse e morrer, polo que a administración rexional en materia de medio ambiente, para ofrecer un maior espazo a certos teixos, realizou un anelamento en faias que están enriba dos devanditos pés.


  
Outra causa pola que non prolifera o teixo, é a presión que os herbívoros exercen sobre o seu rexenerado. Hoxe en día esta presión non é tan evidente como hai anos, xa que no 2007 se instalou un cerramento protexendo o teixadal do gando doméstico (1,22 m de altura aprox.), dando bos resultados. Aínda así, ultimamente séguese vendo os pequenos teixos comestos por herbívoros, principalmente corzos e cervos. E é que o cerramento é efectivo para o gando pero non para estes herbívoros silvestres, que poden saltalo con certa facilidade (sobre todo o cervo). Ademais hai zonas onde o cerramento está inclinado debido á reptación do terreo, ou caeu por derrubamentos de madeiros, facilitándolles o paso.

tejedas_3.jpg
Co obxecto de protexer o rexenerado de teixo fronte aos herbívoros silvestres, dentro do proxecto LIFE BACCATA propúxose substituír o actual cerramento por un cerramento cinexético con estacas de 2,5 m de altura e malla de dous metros.




Para non xerar residuos e, aproveitando a malla actual que está ben asentada sobre o terreo, o novo cerramento intercalouse entre o actual, reforzando os actuais postes e instalando os postes do novo cerramento entre os primeiros. En canto á malla completarase a actual ata os dous metros de altura obxectivo. Este novo cerramento evitará o paso dos cervos, grandes ramoneadores do rexenerado de teixo.

tejedas_4.jpgA mediados do mes de xuño iniciáronse os traballos de instalación do cerramento e prevese estean rematados a principios do mes de xullo.